A Comisión Europea presenta unha proposta para crear as fundacións europeas.

A proposta para o Estatuto da Fundación Europea presentada hoxe pretende reducir as dificultades que sofren as fundacións á hora de operar en toda a U.E.

As fundacións desempeñan un importante papel na Unión Europea xa que os obxectivos que perseguen son beneficiosos para o conxunto da sociedade. A través de diferentes actividades en diversas áreas, as fundacións contribúen aos valores e obxectivos fundamentais da Unión, por exemplo, contribúen ao respecto dos dereitos humanos, á protección das minorías, ao fomento do emprego e o progreso social, á promoción do coñecemento científico, ou á protección e coidado do medio, entre outros. Por todo iso, as fundacións axudan substancialmente á consecución dos obxectivos de crecemento intelixente, sostible e integrador establecidos na estratexia Europa 2020.

Non obstante, a pesar da súa importancia na sociedade e no desenvolvemento de Europa, as fundacións a miúdo ven dificultada a súa actividade transfronteiriza por causa das diferenzas lexislativas existentes entre os Estados. Deste xeito, cando as fundacións deciden operar no estranxeiro tropezan con obstáculos administrativos, a miúdo custosos, que reducen a cantidade de fondos destinados ao exercicio das súas actividades.

Co fin de facilitar ás fundacións o apoio de causas de utilidade pública en toda a Unión Europea, a Comisión presentou esta mañá unha proposta para o Estatuto da Fundación Europea. Esta proposta busca crear unha forma xurídica europea, a ”Fundación Europea” ou FE, que sería idéntica en todos os Estados membros e que coexistiría coas fundacións de carácter nacional.

Entre as vantaxes das Fundacións Europeas destacan a redución dos custos e da inseguridade xurídica, xa que terían personalidade e capacidade xurídica en todos os Estados da UE; a adquisición da etiqueta europea, o que as faría máis doadamente recoñecibles e máis fiables; e por último, as vantaxes relativas ao tratamento fiscal posto que as fundacións europeas se beneficiarían do mesmo réxime fiscal que as fundacións nacionais.

Estas Fundacións Europeas poderían constituírse a partir de cero, mediante a conversión dunha fundación nacional nunha fundación europea, ou mediante unha fusión de fundacións nacionais. Neste sentido, a FE adquiriría personalidade xurídica no momento da súa inscrición no rexistro dun Estado membro. Entre os requisitos que han de posuír as fundacións para poder converterse en Fundacións Europeas destacan a demostración da súa utilidade pública, da súa dimensión transfronteiriza e a declaración dun nivel mínimo de activos (25000 euros).